OLLANDO Ó FUTURO

A autonomía das persoas con TEA nos servizos de proximidade

O programa Farmacia TEATENDE que presentamos, consiste en incidir sobre as barreiras cognitivas e de comunicación na contorna que impiden que as persoas con TEA se desenvolvan de forma autónoma nos seus servizos de proximidade e de atención a saúde, como son as farmacias.

Queremos que as persoas con TEA poidan desenvolverse con autonomía na súa contorna, e que esta estea sensibilizada cara o seu espectro de necesidades e trazos definitorios. Así, o proxecto de Farmacia TEATENDE enfócase ás boticas comunitarias, pudendo garantir unha prestación farmacéutica con especial consideración aos colectivos que demandan unha atención diferente á norma; ademais de garantir equidade, calidade e cohesión no acceso ao medicamento, facilitando a universalización dos servizos asistenciais aos pacientes.

Deseño en igualdade de acceso

É desexable que todos os usuarios teñan a mesma oportunidade de acceso aos servizos dentro da súa contorna; para iso é preciso tanto que o espazo estea adaptado, como que o persoal e de atención ao público, estea sensibilizado cara a heteroxeneidade cognitiva das persoas que visiten seus establecementos. O noso obxectivo principal con este proxecto é promover e implantar medidas de accesibilidade cognitiva nas farmacias, sen esquecer identificar e determinar as necesidades de mellora nas farmacias da Coruña.

Nestes momentos, o proxecto Farmacia TEAtende, deixa atrás a fase de recollida de información para determinar as necesidades específicas, e adéntrase no deseño e reformulación de instrumentos, materiais e análise de espazos para a mellora da accesibilidade cognitiva nas farmacias. Este traballo está cimentado cara o deseño e elaboración de ferramentas específicas para o progreso nas boticas, así como dunha formación enfocada aos farmacéuticos/as: centrado no trastorno do autismo e nas estratexias a desenvolver nas cadansúas boticas para mellorar a accesibilidade cognitiva, tanto como a comunicación e sensibilización coa clientela.

Fomento da sensibilización e mellora nos espazos

Coa implantación do proxecto de accesibilidade cognitiva de Farmacia TEAtende, dentro da provincia da Coruña, pretendemos marcar un referente para a mellora da accesibilidade cognitiva nas farmacias, por medio da divulgación da información e dos recursos específicos que contribúen ó fomento da comunicación e á adaptación do espazo, así como á sensibilización sociocomunitaria.