Momento de cambio nas boticas
O proxecto “Farmacia TEATENDE” está destinado a superar barreiras cognitivas e comunicativas que se interpoñen no desenvolvemento da persoa con trastorno do espectro do autismo, en diante TEA, como cidadá de pleno dereito no uso dos servizos da súa contorna máis inmediata e no seu día a día: os servizos de farmacia de proximidade (no seu barrio e da súa cidade).
A persoa TEA como cidadá de pleno dereito debe ser quen poida acceder a todos os servizos que lle ofrece a comunidade da súa cidade: tanto debe acceder ao ocio, como aos servizos básicos como o comercio, a educación, os ámbitos sociais e de saúde.
Obxectivos reais
Por unha banda, queremos que as persoas con TEA poidan desenvolverse e desprazarse de forma autónoma na súa contorna máis próxima, o seu barrio, sentíndose así parte activa da comunidade e favorecendo o crecemento dun comercio de proximidade inclusivo.
En definitiva, queremos que as persoas con TEA, poidan sentirse cidadás de pleno dereito facendo uso dos servizos que a comunidade poñe á nosa disposición.
Para isto, é fundamental que os traballadores das farmacias, coñezan as características das persoas con TEA, de forma que isto facilite e favoreza a comunicación entre eles á hora de ofrecer os seus produtos e servizos, e por tanto, a comprensión mutua e a toma de decisións por parte dos/as usuarias das boticas.
Para que unha botica accesible?
A rixidez do pensamento da persoa con TEA fai que, para elas, sexa máis difícil adaptarse de forma flexible ó entorno e ás situacións cotiás. Algo que pode provocarlles altos niveis de estrés e ansiedade que leva, en moitos casos, á súa renuncia do uso dos servizos e recursos comunitarios. A consecuencia é un infraemprego destes e un escaso crecemento persoal e autónomo da persoa.
As características innatas que presentan as persoas con TEA, xunto ás barreiras cognitivas, sensoriais e de comunicación presentes na nosa sociedade, fan das diferentes contornas espazos non accesibles.
Isto, supón que as persoas con TEA, malia ser cidadás de pleno dereito, non podan facer uso dos diferentes servizos que ofrecen as nosas cidades, dende os máis básicos como saúde e educación, ata servizos de ocio e comercios.
A visión de proxecto sociocomunitario
A consecuencia disto, creamos o proxecto “Farmacia TEATENDE”, para a sensibilización e adaptación da contorna das farmacias comunitarias, suprimindo así as barreiras de accesibilidade cognitiva que as persoas con TEA atopan nos seus servizos próximos e nos servizos de atención a saúde, como son as farmacias.
Queremos que as persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) se desenvolvan na súa contorna e na súa farmacia comunitaria, garantindo unha prestación farmacéutica con equidade, calidade e compromiso (con especial sensibilidade cós colectivos que demandan unha atención específica), facilitando o acceso ós medicamentos e a universalización dos servizos asistenciais ós pacientes.
Subvencionado pola Deputación da Coruña.