“O barrio accesible: comercio TEAtende”
Por que un comercio accesible?
Das dificultades de comunicación que xorden entre as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e os comerciantes da Cidade de Santiago de Compostela, e das barreiras de accesibilidade cognitiva que o colectivo con TEA atopa nos comercios da cidade, nace o proxecto “O barrio accesible: comercio TEAtende”.
As características innatas que presentan as persoas con TEA, xunto ás barreiras cognitivas, sensoriais e de comunicación presentes na nosa sociedade, fan das diferentes contornas espazos non accesibles.
Isto, supoñe que as persoas con TEA, malia ser cidadás de pleno dereito, non podan facer uso dos deferentes servizos que ofrecen as nosas cidades, dende os máis básicos como saúde e educación, ata servizos de ocio e comercios.
Como consecuencia disto, creamos o programa “O barrio accesible: comercio TEAtende”, co obxectivo de suprimir as barreiras de accesibilidade cognitiva que as persoas con TEA, atopan na súa contorna, e máis concretamente, no comercio de proximidade.
Este proxecto desenvolverase seguindo dúas liñas fundamentais:
Por unha banda, queremos que as persoas con TEA poidan desenvolverse e desprazarse de forma autónoma na súa contorna máis próxima, o seu barrio, sentíndose así parte activa da comunidade e favorecendo o crecemento dun comercio de proximidade inclusivo. En definitiva, queremos que as persoas con TEA, poidan sentirse cidadás de pleno dereito facendo uso dos servizos que a comunidade poñe á nosa disposición.
Por outra banda, e como complemento indispensable para a consecución do anterior, queremos que neste proxecto se implique a comunidade de comerciantes da cidade de Santiago de Compostela e dos seus barrios. O obxectivo desta implicación, ademais de dar visibilidade ó comercio de proximidade, é convertelo nun comercio accesible para todas as persoas.
Para isto, é fundamental que os comerciantes coñezan as características das persoas con TEA, de forma que isto facilite e favoreza a comunicación entre eles á hora de ofrecer os seus produtos e por tanto a comprensión mutua e a toma de decisións por parte dos seus clientes.
Proxecto TEAtende subvencionado pola Deputación da Coruña