NECESIDADES

Servizo asistencial básico

As farmacias, prestan un servizo asistencial básico de gran valor sanitario e social para o paciente. Os/as farmacéuticos/as son os profesionais máis próximos e accesibles cara o sistema de saúde, polo que parece claro dirixir a atención cara eles/elas (e demais persoal da farmacia) para promover a accesibilidade cognitiva nos seus establecementos. Esta guía está dirixida ao persoal da farmacia, con apoios e medidas -baseadas na accesibilidade universal- deseñadas para beneficiar a todas as persoas, porén ás persoas con autismo e as súas familias, e demais colectivos.

Melloras accesibles nas boticas

A accesibilidade cognitiva favorece a que as persoas con TEA, ou con algunha outra diversidade, poidan facer uso do entorno e dos servizos de maneira autónoma e en igualdade co resto de individuos. Porque non só son medidas específicas para un colectivo, senón que beneficiarán ao conxunto da sociedade, facendo fincapé nun derribo de barreiras tanto espaciais, sociais como cognitivas, sensibilizando aos traballadores das boticas e creando recursos persoais para o desenvolvemento da súa labor diaria.

Pensamos que este proxecto dará unha importante proxección á necesidade de implementar melloras da accesibilidade cognitiva dende os servizos comunitarios en xeral, e as farmacias en particular, xa que achegará ao farmacéutico unha información que seguramente descoñece cara o desenvolvemento do servizo de atención á clientela.

Boas prácticas

Contribuír a que as farmacias sexan accesibles, có noso traballo e colaboración, pretende facilitar que tanto o consello achegado e amigo dos seus profesionais, coma o consello para saúde no seus espazos, chegue sen limitacións e incremente o benestar de todas as persoas. É por iso que consideramos que con este proxecto estamos a transmitir coñecemento sobre accesibilidade cognitiva e demais necesidades da cidadanía con características diversas, as cales deben ser tidas en conta.

Promovemos así a divulgación das boas prácticas nesta materia, fomentando que, a través das farmacias, esténdase a achega sobre as medidas de mellora que as nosas cidades deben incorporar sucesivamente ata que a accesibilidade sexa realmente universal.

O TEA no comercio de proximidade

No caso das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA), unha área de especial dificultade é o procesamento da información que vén do eido social, así como na interacción cas persoas; por exemplo: falta de expresión e comprensión de xestos, miradas, expresións faciais e dificultades para manter conversacións, e alteración no uso social da comunicación son patróns de complexidade para as persoas con TEA.

As dificultades que se centran no perfil das persoas con TEA (á hora de comunicarse e da comprensión da información, así como na interacción social), sumado ás carencias de medidas de accesibilidade cognitiva nas farmacias (que faciliten a expresión e comprensión da mensaxe), e a falta de información dos farmacéuticos para poder establecer unha boa interacción coas persoas con TEA, lévanos a elaborar unha serie de recomendacións para a aplicación de medidas específicas en accesibilidade cognitiva nas boticas. Ditas características dificultan, en moitas ocasións, unha boa interacción social entre as persoas con TEA e, neste caso, os traballadores das farmacias. Isto implica que a persoa, en moitas ocasións, renuncia ao uso dos servizos e recursos comunitarios. A consecuencia, é un infraemprego dos servizos e un parco desenvolvemento persoal e autónomo da persoa.

Para iso se aposta pola mellora na adecuación dos espazos: implementando unha sinalización, non só para a designación do espazo, senón tamén para anticipar a secuencia de acción, (é dicir, o proceso para desenvolver unha acción dentro de ese espazo); así mesmo, procurarase adaptar medidas de adecuación xeral da contorna, igual que traballar coas persoas que estean cara ao público.

Visión de conxunto

Dende o servizo de accesibilidade cognitiva da Federación Autismo Galicia, dentro da primeira fase deste proxecto de accesibilidade nas farmacias para persoas con TEA “FARMACIA TEATENDE”, lanzamos enquisas na provincia da Coruña (tanto para o persoal das boticas como para usuarios/as das mesmas con TEA así como para as súas familias), onde se recolleron os principais puntos controvertidos en relación coa adecuación do espazo ás necesidades das persoas, e coa asimilación da información que se brinda en ambas direccións.

En función destes datos obtidos, destacamos que en xeral, por unha banda: as persoas con TEA e os seus familiares consideran a comunicación cara o cliente por parte dos traballadores da farmacia moi boa, e en relación coas medidas de accesibilidade física na botica (interior, escaparates, horarios…etc.) opinan que hai carencias na información destes espazos non chegando con claridade e facilidade a eles. Por outra banda: os traballadores das farmacias tamén valoran moi en positivo a comunicación que teñen cós clientes; mentres que de igual modo, detectan necesidades con respecto a medidas medioambientais en accesibilidade en relación ó escaparate, horarios, organización interior, etc., nas cales acádanse puntuacións considerablemente máis baixas que no resto de ítems.

Con esta análise de datos, establecemos unhas bases comúns para comezar unha proposta personalizada, baseada nas necesidades detectadas e axeitadas ao contexto das farmacias e a súa clientela. Así, dende o servicio de accesibilidade cognitiva da Federación Autismo Galicia, traballamos tanto para fomentar a equidade de acceso aos servicios sociocomunitarios, como para a sensibilización cara as persoas con TEA dentro do eido do comercio de proximidade, e máis concretamente: nas farmacias.

Subvencionado pola Deputación da Coruña.