Cales son as principais dificultades do meu fillo?
Mari Carmen Furelos, é a nai de Carlos, un adulto con Trastorno do Espectro do Autismo. Ambos, xunto ao seu marido e pai respectivamente, residen en Santiago de Compostela, e ao igual que o resto da poboación, tamén facen uso do comercio de proximidade da cidade.
Pero é certo que as persoas con TEA poden facer uso do comercio do mesmo xeito que o resto da poboación?
Durante a entrevista realizada a Mari Carmen, destaca detalles moitas veces imperceptibles para nós, pero que dificultan neste caso ao seu fillo realizar un acto tan cotiá como é ir a mercar.
“Non lle gustan as filas, nin tampouco o ruído”. Estes son os principais motivos polo que o acto de mercar faise máis complicado para Carlos. No caso concreto dos comercios de roupa, “os vestiarios son moi pequenos, e non podo entrar co meu fillo para axudarlle”.
Para a detección das necesidades e co obxectivo de conseguir que os comercios sexan accesibles, realizáronse unhas enquisas nas que participaron as persoas con TEA e as súas familias das Asociacións Federadas da área de influencia de Santiago de Compostela, ASPERGA e ASPANAES, e os comerciantes da Fundación Santiago Centro.
Sabedes cales son as principais necesidades das persoas con TEA cando van a un comercio?
Na comunicación e interacción social:
- O uso dunha linguaxe máis clara, concisa e sinxela, por parte dos comerciantes.
- Dáme máis tempo á hora de elaborar unha resposta.
- Necesito habilidades comunicativas, para poder preguntar por un produto ó comerciante.
- Resúltame difícil a toma de decisións, á hora de elixir entre diferentes opcións.
- Teño dificultades á hora de pagar.
- Ás veces me distraio cos ruídos ou a música de fondo, nalgunhas ocasións, me molesta.
Nos espazos:
- Se os espazos e produtos están sinalizados con debuxos, fotografías ou pictogramas, poderei ser máis autónomo na miña compra.
- Se os produtos están ordenados, os encontrarei máis facilmente.
- Podes poñer marcas no chan, ou indicacións nas paredes, así terei mellor orientación.
- Con carteis en lectura fácil, entenderei mellor o que me queres dicir.
- Se poñes o prezo xunto aos produtos, será máis fácil para min.
- Non é necesario que teñas a música “a todo volume”.
Non só as persoas con TEA teñen necesidades, cales son as necesidades das súas familias?
- Gustaríanos que existira unha maior sensibilización por parte dos comerciantes, sobre o colectivo de persoas con TEA.
- Máis paciencia coas persoas con TEA e coas súas características.
- É necesario proporcionar máis información ós comerciantes, que lles permita coñecer mellor as características das persoas con TEA.
- Sería moi útil a instalación de medidas de accesibilidade cognitiva nos comercios, como apoios visuais (debuxos, fotografías ou pictogramas) ou carteis en lectura fácil que permitan o desprazamento e a compra autónoma por parte das persoas con TEA.
Os comerciantes, tamén nos trasladan as súas necesidades:
- Gustaríanos coñecer outros tipos de accesibilidade, como a cognitiva e a sensorial, a parte da arquitectónica.
- A falta de sensibilización co colectivo de persoas con TEA, face que non teñamos en conta algúns aspectos como respectar os seus tempos de resposta, o ritmo de fala ou o seu espazo persoal.
- Descoñecemos se as persoas con TEA utilizan ou non o noso comercio.
- Gustaríanos ter coñecemento dalgunhas pautas, para conseguir unha comunicación eficaz coas persoas con TEA.
- Consideramos importante ter información e coñecemento sobre as necesidades das persoas con TEA.
E as necesidades dos seus comercios:
- Aplicación de medidas de accesibilidade cognitiva que faciliten atopar o comercio e entrar no mesmo.
- Utilización de apoios visuais, como debuxos, fotografías ou pictogramas, que faciliten ás persoas con TEA atopar os produtos.
- Distribución ordenada dos produtos que facilite ás persoas con TEA atopalos.
- Contar cun mobiliario adecuado, como un mostrador transparente, que permita ver á persoa o que hai no seu interior.
Proxecto TEAtende subvencionado pola Deputación da Coruña