Trastorno do Espectro do Autismo
O TEA é un trastorno do neurodesenvolvemento que afecta á configuración do sistema nervioso e ó funcionamento cerebral dando lugar a dificultades en dúas áreas principalmente na comunicación e a interacción social e a flexibilidade do pensamento e da conducta.
Estas características acompañaranlles durante toda a súa vida, afectando ás persoas con TEA en diferentes grados, que fan variar as súas necesidades. Estas necesidades poden verse reflectidas en:
- dificultades de comunicación, tanto verbal como non verbal.
- falta de habilidades para establecer relaciones sociais, como achegamentos inusuais ou dificultades para comprender as regras sociais “non escritas”.
- a rixidez dos pensamentos, que se manifestan a través da insistencia de facer sempre o mesmo, nun repertorio limitado de intereses, e patróns de comportamento ríxido e repetitivo.
- alteración no procesamento dos estímulos, que pode manifestarse a través de malestar ante certos estímulos ou búsqueda dos estímulos que non percibe.
Accesibilidade Universal
A accesibilidade universal é a condición que deben cumprir as contornas, procesos, bens, produtos e servizos, así como obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para que sexan comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e confort e de forma máis autónoma e natural posible. Cando falamos de accesibilidade universal, integramos: accesibilidade física, sensorial e cognitiva.
Accesibilidade Cognitiva
A accesibilidade cognitiva, abarca todas aquelas estratexias que axudan a que as persoas que presentan necesidades derivadas de procesos cognitivos diferentes, podan acceder á información e procesala para utilizala na súa adaptación ó medio. Estas medidas poden facer referencia á: sensibilización, formación de profesionais, adaptación dos espazos, disposición e optimización de materiais, accesibilidade de trato e estruturación e anticipación.
Accesibilidade sensorial
A accesibilidade sensorial permite a comprensión e expresión da información a través doutros sistemas alternativos/ aumentativos de comunicación como a lingua de signos ou braille para as persoas con discapacidade auditiva ou visual.
Accesibilidade física
A accesibilidade física é aquela que facilita o movemento ás persoas con mobilidade reducida.
Deseño universal
Deseño para todos ou deseño universal é unha estratexia de accesibilidade universal, encamiñada ao desenvolvemento de contornas, procesos, bens, produtos, servizos, obxectos, instrumentos, dispositivos ou ferramentas de xeito que poidan ser empregados por todas as persoas na maior medida posible, independentemente das súas características.
O obxectivo do deseño universal é facilitar a todas as persoas o acceso, dun xeito autónomo, ás contornas, produtos e servizo que nos proporciona a sociedade.
Barreiras
Todos os factores ambientais e cognitivos que se desenvolvan na contorna dunha persoa, e que, por ausencia ou presencia, limiten o funcionamento e creen discapacidade imposibilitando a autonomía e a libre disposición dos recursos pola mesma. O concepto de “barreira” é moito máis amplo e abarca ademais das barreiras arquitectónicas, as cognitivas e as sensoriais, da comunicación, psicolóxicas… etc.
Contorna accesible
Unha contorna accesible ou contorna para todos/ as, é unha contorna na que as persoas podan acceder e facer uso do mesmo dun xeito autónomo. Unha contorna para todos/as é aquela na que as persoas saben onde se atopan e que teñen que facer en cada momento, porque comprenden a información, clara e sinxela, que esta proporciona.
Pictograma
Símbolos iconográficos representativos, que son empregados como ferramenta e complemento (ou apoio visual) esquemático e claro, que axuda a comprender a información oral ou escrita. Favorecen a inclusión e os seguintes beneficios a todas as persoas: proporcionan información clara sobre o espazo ou servizo onde nos atopamos, facilita a orientación das persoas, favorece o aumento do desprazamento autónomo das persoas, favorece a inclusión de todas as persoas, diminuíndo a segregación e a exclusión.
Lectura fácil
Medida de accesibilidade cognitiva que consiste na adaptación de textos escritos, ilustracións e maquetaxe facilitando a súa lectura e comprensión.
Autonomía persoal
Capacidade das persoas para seren autosuficientes sen precisar axuda externa para o seu desenvolvemento diario.
Validador/a
Profesional, formado de xeito específico en materia de accesibilidade cognitiva, encargado de aprobar materiais, obxectos ou instrumentos que estean dentro dos criterios de comprensión e fácil acceso para todas as persoas.
Axuste Razoable
Modificacións e adaptacións necesarias e axeitadas do ambiente físico, social e actitudinais as necesidades específicas das persoas con discapacidade que non impoñan unha carga desproporcionada ou indebida, cando se requiran nun caso particular de xeito eficaz e práctico, facilitando a accesibilidade e a participación e para garantir as persoas con discapacidade o goce do exercicio –en igualdade de condicións coas demais- de todos os dereitos. (LGDPDIS, Art.2)
Boas Prácticas
O concepto fai referencia ó conxunto de accións que tiveron un resultado positivo nun contexto, e das que se espera que podan ser xeneralizables a outros. Se se aplica o termo de boas prácticas ó ámbito da accesibilidade cognitiva, o obxectivo será a creación de contornas, servizos e tecnoloxías accesibles para todas as persoas, independentemente das súas características.
Wayfinding
Refírese ós sistemas de información que guían as persoas a través de ambientes físicos e melloran a súa comprensión e experiencia do espazo.
O termo, de orixe anglosaxón, poderíase traducir como “encontrando o camiño”, “orientación” ou “navegación”. Maila que se emprega como sinónimo de “orientación”, óptase por consideralo un termo crisol, xa que recolle coñecementos e prácticas dende diferentes disciplinas.
Accesibilidade Web
A accesibilidade web pode definirse como un acceso universal á web, independentemente do tipo de hardware, software, rede, idioma, cultura, localización xeográfica e capacidades dos usuarios. O acceso as tecnoloxías da información e comunicación, incluíndo a Web, definiuse como un dereito humano básico na Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidades.
O máximo organismo dentro da xerarquía de Internet que se encarga da promoción da accesibilidade é o World Wide Web Consortium (W3C) así como o seu grupo de traballo Web Accessibility Initiative (WAI).
A iniciativa WAI (Web Accessibility Initiative) do W3C definiu unhas pautas de accesibilidade ó contido web, que teñen como función guiar cara un deseño accesible das páxinas, reducindo así as posibles barreiras de acceso á información.
Ámbitos da accesibilidade
- Urbana.
- Edificación e estruturas.
- Mobilidade e transporte.
- Cognitiva.
- Comunicación sensorial.
- Bens e servizos.
- Instrumentos e produtos.