COMO FACER DO TEU COMERCIO, UN COMERCIO ACCESIBLE

O documento: “Como facer do teu comercio, un comercio accesible”, son unha serie de recomendacións dirixidas aos comerciantes do comercio de proximidade da cidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo destas recomendacións, é orientar e dar pautas aos comerciantes, para poder facer os seus comercios máis accesibles a todas as persoas, e en especial ás persoas con TEA, aplicando diferentes medidas de accesibilidades cognitiva.

Que sentes cando todo é novo para ti?

Imaxina que chegas a uns grandes almacéns onde nunca estiveches. Ao mesmo tempo escoitas, ves e sentes unha gran cantidade de estímulos que proceden da contorna. Como che sentes?

É probable que a percepción dunha gran cantidade de estímulos ao mesmo tempo, te provoque un pouco de afogo ou estrés. Non coñecer o lugar, non atopar os produtos que buscas ou non saber a quen preguntar en caso de necesidade, son algunhas dificultades que podes atopar.

No caso de atopar estas dificultades, é probable que ti soubeses como resolvelas.

E unha persoa con Trastorno do Espectro do Autismo?

Agora ponte na situación dunha persoa con autismo que chega ao teu comercio.

 A recepción simultánea dunha gran cantidade de estímulos que recibe no teu comercio, non só provoca afogo ou estrés, senón unha sobreestimulación sensorial.

Moitas persoas con autismo teñen hipersensibilidade, captando os estímulos luminosos ou auditivos dunha maneira moito máis sensible, producindo neles dor ou malestar. Polo contrario, outras persoas poden ter hiposensibilidade, a súa capacidade de percibir algúns estímulos é menor.

A esta gran cantidade de estímulos que as persoas con TEA reciben, hai que engadir a falta de medidas de accesibilidade cognitiva no comercio, como por exemplo, estar sinalizado cun pictograma no que se indique o tipo de comercio, a sinalización dos produtos con pictogramas ou a ausencia de carteis informativos en lectura fácil. Ademais de, no caso de moitas persoas con TEA, non ter as habilidades comunicativas necesarias para poder resolver a situación.

Todas estas necesidades que atopan as persoas con TEA no teu comercio con respecto á accesibilidade cognitiva, e que dificultan o acceso e uso do mesmo, foron recollidas pola Federación a través de enquisas.

Co obxectivo de facer do teu comercio, un comercio accesible, elaboramos unha serie de recomendacións recollidas no documento que aquí atopas, e que poderás aplicar no teu comercio, para facelo máis accesible, facilitando o acceso e uso de todas as persoas, e en especial das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo.