O interese por ofrecer unha escola inclusiva, capaz de proporcionar unha resposta educativa de calidade a un alumnado cada vez máis diverso, esixe recoñecer a existencia de necesidades de apoio diferentes tanto en tipo como en intensidade. Mellorar a accesibilidade cognitiva facilitando que todos os membros do centro educativo coñezan e comprendan os múltiples elementos que compoñen o mosaico da vida diaria no centro, é unha condición básica para a inclusión e participación educativa.
Por norma xeral, sen ter certa familiaridade cós espazos, actividades, persoas, obxectos ou normas do centro escolar, ninguén –educando, familiar, profesional ou visitante ocasional- podería desenvolverse autónoma e eficientemente por dito centro. Por iso, a accesibilidade cognitiva cobra maior peso no xeito en que tomamos conciencia das necesidades e carencias polas que pasamos na nosa vida diaria.
Nun primeiro lugar, coa implantación do proxecto de accesibilidade cognitiva en centros educativos, pretendemos que se recoñeza e se lle dedique maior atención ao feito de que moitas das persoas que a cotiá realizan actividades nestes centros (alumnado, familiares, profesionais, visitantes ocasionais…etc.) e poden presentar dificultades para comprender os diversos aspectos da organización e funcionamento dos mesmos debido a múltiples factores. Con isto, pretendemos que a comunidade educativa estea sensibilizada e tome conciencia de que na nosa sociedade hai unha diversidade cognitiva que desauga en numerosos perfís persoais conformando a nosa heteroxeneidade e riqueza sociocultural, mais con necesidades dispares en canto a accesibilidade cognitiva das que debemos dar resposta.