SER ACCESIBLE

ACCESIBILIDADE: UN CONCEPTO MÁIS AMPLO

A accesibilidade é unha característica dun espazo, ben ou servizo, que fai posible que calquera poida empregalo de forma autónoma, independentemente das súas características físicas, sensoriais ou intelectuais.
Actualmente, o concepto de «eliminación de barreiras arquitectónicas» xa foi superado, tendo en conta que hai persoas que poden ter outras barreiras cognitivas, psicolóxicas e de comunicación polo que é substituído por «accesibilidade universal», un concepto moito máis amplo que reúne as necesidades de toda a sociedade.

ACCESIBILIDADE UNIVERSAL

A accesibilidade universal é a condición que deben cumprir contornas, procesos, bens, produtos e servizos, así como obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para que sexan comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e confort e da forma máis autónoma e natural posible. Presupón a estratexia de «deseño para todos» e enténdese sen prexuízo dos axustes razoables que deban adoptarse. Cando falamos de accesibilidade universal, intégranse a accesibilidade física, sensorial e cognitiva.

ACCESIBILIDADE FÍSICA: a accesibilidade física é aquela que facilita o movemento ás persoas con mobilidade reducida. Por exemplo, o feito de poñer un ascensor nun edificio de dúas ou máis plantas ou substituír as escaleiras por unha rampla.

ACCESIBILIDADE SENSORIAL: a accesibilidade sensorial permite a comprensión e expresión da información a través doutros sistemas alternativos/aumentativos de comunicación como a lingua de signos ou o braille para as persoas con discapacidades auditivas e/ou visuais. Poñer sons para cruzar os semáforos ou empregar braille nos botóns dos elevadores, son medidas que facilitan ás persoas con dificultades na audición e na visión, o emprego dos servizos da contorna.

ACCESIBILIDADE COGNITIVA: son medidas que axudan a que as persoas con procesos cognitivos diferentes, como as persoas con TEA ou persoas con discapacidade intelectual, poidan entender a información e manexala facendo uso dos espazos e servizos dun xeito independente. Por exemplo, poñer imaxes acompañando ó texto nun cartel ou empregar unha linguaxe sinxela e concisa para indicar as normas de uso da piscina.

DESEÑO PARA TODOS COMO ESTRATEXIA DE ACCESIBILIDADE UNIVERSAL

Deseño para todos ou deseño universal, é unha estratexia encamiñada ó desenvolvemento de contornas, procesos, bens, produtos, servizos, obxectos, instrumentos, dispositivos ou ferramentas de xeito que poidan ser empregados por todas as persoas na maior medida posible, independentemente das súas características.

O obxectivo do deseño universal, é facilitar a todas as persoas o acceso, dun xeito autónomo, ás contornas, produtos e servizos que nos proporciona a sociedade.

Outro dos obxectivos sería, a creación de contornas accesibles como fonte de sensibilización para toda a poboación.

ACCESIBILIDADE COGNITIVA

O termo de accesibilidade cognitiva é de recente creación e xurdiu da cultura da accesibilidade, na que a eliminación de barreiras arquitectónicas no entorno físico liderou a concienciación social de que todas as persoas teñen dereito a gozar da autonomía propia e de integrarse na sociedade. A accesibilidade cognitiva chegou máis tardía, xa que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento tiveron menos oportunidades para expresar seus desexos e necesidades.

A accesibilidade cognitiva, abarca todas aquelas estratexias que axudan a que as persoas que presentan necesidades derivadas de procesos cognitivos diferentes, podan acceder á información y procesala para utilizala na súa adaptación ao medio. No caso das persoas con autismo, un área de especial dificultade é o procesamento da información que ven do contorno social e a interacción cás persoas.

Como accións específicas para a creación de contornas accesibles cognitivamente, apóstase pola mellora da sinalética nos espazos, propostas de adaptación dos textos con técnicas de lectura fácil, ou unha sensibilización da cidadanía -cara o trastorno do espectro do autismo-  para paliar as barreiras na comunicación e na interacción social.

(Manual de Accesibilidade cognitiva para persoas con trastornos do espectro do autismo: comprendo o meu entorno. Nieves Bouzas A. et al. Federación Autismo Galicia 2014.)